Peixes e mariscos do mar de Galicia: un tesouro da gastronomía que ansían tanto os galegos como os visitantes

A despensa galega de produtos do mar é moi variada -comercialízanse preto de 300 especies diferentes nas lonxas galegas que van desde peixes ata mariscos, crustáceos, algas ou equinodermos- e permite aos compradores elixir entre múltiples opcións con todas as garantías de calidade e de frescura froito do labor realizado polos milleiros de profesionais do mar que traballan en Galicia.
Son distintas opcións de consumo moi desexadas e demandadas tanto polos galegos como polos visitantes da comunidade, que atopan neste un aliciente máis para desfrutar dunha completa estancia na nosa terra.
Con este pano de fondo, a Xunta de Galicia puxo en marcha este verán a campaña Galicia sabe amar co obxectivo de animar á cidadanía a consumir os produtos do mar, impulsar a súa venda e poñer en valor o labor dos mariñeiros e mariscadores da comunidade.
Esta acción incide na importancia de comer peixes e mariscos así como na diversidade de produtos da máxima calidade que o complexo mar-industria de Galicia pon a disposición dos consumidores para que cada un elixa aquel -a parella- que máis lle interese e se adapte ás súas necesidades e aos seus gustos.
Xogando coa retranca galega e cos dobres sentidos, Galicia sabe amar traslada a importancia de consumir produtos do mar para ter unha alimentación saudable así como o feito de que mercar peixes e mariscos é unha decisión intelixente e un hábito que forma parte da identidade dos galegos. Ao mesmo tempo, lembra o importante labor que realizan os milleiros de profesionais do mar de Galicia para levar ata as mesas de calquera consumidor os variados manxares que ofrecen e se transforman na costa galega.
De feito, a campaña vai máis aló de promover o consumo de produtos do mar e serve tamén como agradecemento ao sector marítimo-pesqueiro galego polo importante esforzo realizado durante a alerta sanitaria polo coronavirus, na que aumentou a demanda de produtos do mar por parte dos fogares ao tempo que caía na hostalería e na restauración -a canle Horeca- como consecuencia das distintas restricións aprobadas para frear a expansión da pandemia. Malia esa situación, boa parte dos profesionais do mar seguiron traballando arreo, incluso cando non lles era rendible, para ofrecer produtos de calidade ao resto da sociedade nunha mostra máis de solidariedade e amor cara ao conxunto da cidadanía.
A estratexia desenvolvida polo Executivo galego pretende facer un chamamento, mediante unha mensaxe fresca e atractiva, á compra e consumo de peixes e mariscos pois esa elección terá beneficios tanto para o conxunto da economía como para a sociedade en xeral. Unha boa decisión neste eido que mellorará a saúde dos consumidores grazas a unha dieta saudable e equilibrada.
A campaña da Consellería do Mar Galicia sabe amar é a herdeira de O mar que nos move e de O noso mar, marca e pon o acento na calidade e grande variedade de produtos do mar cos que conta Galicia, moi desexados e que namoran a todo aquel que os proba. Neste sentido, a comunidade conta cunha oferta de produtos, formatos -frescos, conxelados, transformados, etc- e posibilidades inmensas para elaborar pratos da máxima calidade tanto nos fogares como nos restaurantes máis selectos.
A Xunta inclúe dentro desta acción máis global outras iniciativas de promoción máis específicas impulsadas pola Consellería do Mar como Fai click ao teu bocata ou Ti si que es un bo peixe -para promocionar o consumo de produtos do mar entre a poboación infantil- ou Vai de peixe, deseñada para difundir as bondades dos peixes e mariscos entre os millennials e centrada principalmente nas redes sociais. A elas engádense tamén outras como a marca de calidade pescadeRías, de onde se non? ou campañas puntuais para promocionar os produtos do mar de tempada como o bonito do norte.
A campaña da Administración galega a prol do consumo do produtos do mar de Galicia recorre ao amor para chamar a atención dos cidadáns e seguindo coa retranca galega foi o humorista David Amor o encargado de presentala tanto ante os medios de comunicación como ante os profesionais do sector. Ao evento asistiron representantes do sector pesqueiro e marisqueiro, da industria de transformación dos produtos do mar e das principais empresas de distribución alimentaria da comunidade.