Galicia viviu un ano marcado por unha intensa actividade musical, impulsada pola Xunta de Galicia

A Xunta de Galicia, a través de Turismo de Galicia,  foi un eixo vertebrador da dinamización cultural ao longo de 2024, promovendo numerosos concertos e festivais que lograron atraer a públicos diversos e reforzar o atractivo turístico da comunidade. O seu apoio converteuse nun motor clave para a oferta cultural en cidades e vilas galegas, consolidando o destino como referencia musical e turística tanto a nivel nacional como internacional.

A primeira metade do ano destacou pola xira «Mythos» de Abraham Cupeiro xunto coa Orquestra Gaos, que percorreu cidades como Ferrol, Ourense, Santiago e Lugo. Este proxecto innovador fusionou música e mitoloxía, utilizando instrumentos antigos coma o Aulós e o Cornu, e foi un exemplo do apoio da Xunta á creatividade local e á difusión da cultura galega.

Na tempada estival, A Coruña converteuse no epicentro da música internacional, con concertos de artistas de renome como Juan Luis Guerra e Gilberto Santa Rosa no Coliseum, ademais de festivais como o Morriña Fest, Wake Up Dreams e o Recorda Fest. Este último, celebrado no Porto da cidade, reuniu a máis de 20.000 persoas nun evento familiar que combinou música pop nacional e gastronomía.

Ferrol tamén se viu beneficiada deste impulso coa celebración de concertos no marco das súas festas de verán, como os de Veintiuno e Abraham Mateo, que contribuíron a un notable aumento do turismo na cidade, en liña co crecente interese polo Camiño Inglés.

De cara a comezos de 2025, Vigo acollerá o concerto de Iván Ferreiro no Auditorio Abanca, onde o artista presentará o seu traballo En las trincheras. A cita, que terá lugar o 25 de xaneiro, forma parte da estratexia da Xunta de Galicia para promover eventos que contribúan a desestacionalizar o turismo nas grandes urbes galegas, mantendo un fluxo constante de visitantes durante todo o ano.

Estas iniciativas, ademais de reforzar o atractivo cultural e turístico de Galicia, subliñaron a aposta decidida da Xunta por diversificar a oferta de ocio e consolidar o papel da música como elemento dinamizador, conseguindo que 2024 fose un ano de referencia no panorama cultural galego.